Thursday 02 de May de 2024

“Sansabotics 2.0”, esperanza de San Sadurniño para a FIRST Lego League deste sábado en Ferrol


A FIRST Lego League (FLL) é un proxecto destinado á rapazada menor de 16 anos co que se tenta promover a súa creatividade tecnolóxica para resolver desafíos da vida real. Pero tamén busca fomentar o valor do traballo en equipo e de compartir cos demáis todo o aprendido. De feito, a fundación Scientia -que coordina o proxecto en España- define a FLL como unha “coopertición” que, no caso de Galicia, se celebra este sábado no Auditorio de Ferrol. San Sadurniño tamén terá representación a través do equipo “Sansabotics 2.0” do CPI, que leva traballando desde outubro na posta a punto tanto dos desafíos tecnolóxicos como da presentación sobre como foron superando problemas.

A FIRST Lego League naceu en 1998 nos Estados Unidos impulsada por unha fundación de carácter educativo coa colaboración da afamada marca de xoguetes de construción. É un encontro de carácter internacional que se desenvolve en distintas fases nas que a rapazada ten que resolver un desafío no que entran en xogo tres aspectos: un proxecto científico, a programación dun robot construído co kit Lego Mindstorm que responda aos requisitos do desafío e, sobre todo, a capacidade do equipo para traballar en sintonía e compartindo con outros participantes as súas solucións.

O Auditorio de Ferrol -situado en Caranza- acolle este sábado a fase galega do torneo clasificatorio da FLL que dará o paso á grande final estatal e, posteriormente, á final internacional nos Estados Unidos ou ao open europeo, que se celebra cada ano nunha cidade distinta. Na cita hai inscritos 23 equipos e uns 160 rapaces e rapazas da comarca e doutras zonas de Galicia. Participan na categoría junior -de 6 a 10 anos- e tamén na absoluta, para rapazada de entre 10 e 16.

San Sadurniño concorrerá á fase clasificatoria absoluta cun equipo de 8 alumnos e alumnas do cpi coordinado pola profesora de matemáticas Julia Ríos. Os nenos e nenas levan traballando desde outubro para enfrontarse ao reto da FLL. “Realmente son tres retos, xa que deben aprender a traballar en equipo, presentar un proxecto científico, consistente na interacción entre animais e persoas, e finalmente o concurso de robótica”, explica Ríos.

Para o centro non é novo acudir a certames relacionados coa tecnoloxía e o traballo en equipo. De feito o colexio imparte obradoiros nesta materia dentro do seu Plan de Excelencia e en 2014 Samaín Soto, Xabier Fonseca e Antón Castro quedaron en primeira posición no Concurso Galego de Robótica, dentro da categoría de terceiro ciclo de primaria e primeiro da ESO. Tampouco é a primeira vez que participan na FLL, xa que un equipo do CPI acudiu á cita celebrada en Ferrol no ano 2015.

O equipo local, denominado “Sansabotics 2.0”, presentará un proxecto no que destacan a súa capacidade para solventar dificultades man con man. Talmente como as abellas dunha colmea. De aí que elixisen como subtítulo do equipo o xogo de palabras en inglés “The bee-lievers” (xuntando as palabras bee, que significa abella e believer, que significa crente), en referencia á cooperación entre todos e todas e ao feito de que cren firmemente nas súas posibilidades de cara a mañá en Ferrol.